Wednesday 08 de May de 2024

A Xunta mellora a sinalización e o acceso ao roteiro da Costa da Égoa, en Carral, cun investimento de preto de 22.000 euros


A actuación levada a cabo incluíu un miradoiro de madeira, unha escaleira de tarima e unha varanda, ademais de renovar a sinalización e os paneis informativos

A Xunta de Galicia vén de rematar a sinalización do roteiro Costa da Égoa, unha actuación na que tamén se acometeron melloras na accesibilidade á fervenza do Batán, no concello de Carral. A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio investiu nestas obras preto de 22.000 euros, nunha iniciativa que conta co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) ao 80%.

As principais actuacións consistiron no acondicionamento do entorno e o subministro e colocación de equipamento. En concreto, un miradoiro pilotado de madeira de piñeiro, unha escaleira de madeira de piñeiro de tarima raiada, unha varanda de madeira colocada na zona das escaleiras de acceso o miradoiro, sinais direccionais en madeira de piñeiro, e varios taboleiros indicadores. Así mesmo, colocáronse paneis interpretativos sobre a flora e fauna da zona e balizas de sinalización.

Os catorce muíños da Costa dá Égoa conforman unha das contornas naturais máis fermosos do roteiro. Construídos no século XVIII, discorren a beiras do Rego do Batán entre pequenas fervenzas. Hai máis de 200 anos foron construídas para poder moer o gran que alimentaba a gran parte da rexión.

O delegado territorial da Xunta de Galicia na Coruña. Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá a zona, acompañado polo alcalde, José Luis Fernández Mouriño, e destacou a importancia destas “pequenas actuacións en escenarios singulares coas que recuperamos espazos dun valor natural incalculable”. Rodeiro escoitou con atención as explicacións dos técnicos sobre os traballos realizados e interesouse en particular pola historia dos muíños e a función que tiñan na sociedade galega de hai dous séculos.